Non pasa nada, é Nadal

La Navidad, Pieter Brueghel
Pieter Brueghel, O Nadal

Sempre hai dous tipos de persoas para todo neste mundo. Hai quen fai esta distinción baseándose na personalidade, nos gustos, no traballo… quizais até nas manías, nos problemas, nas afeccións… incluso na rutina, nos prexuízos, na ideoloxía… Eu tamén penso que hai dous tipos de persoas neste mundo: ás que lles gusta o Nadal e ás que non.

Durante os últimos anos, coa chegada de decembro, fun considerada un ser sen sentimentos, frío e duro, un Scrooge de Dickens envolto no pesadelo de Burton, o Grinch personificado. A todas esas persoas, ás que tolean con catro luces e viven nun soño americano, ás que realmente se transforman nestas datas, véñolles dicir que o Nadal non existe. A orixe do Nadal como celebración cristiá hai moito que foi absorbida polo capitalismo para facer desta época un campo de batalla no que só gaña o consumismo. As grandes empresas oligopólicas que controlan o mercado fixeron do Nadal un colchón no que descansar, no que tumbárense a ver como miles de millóns de persoas gastan os seus cartos en promesas envoltas en papel de regalo. Falsos prezos disfrazados de ofertas, estratexias consumistas que xogan coa nosa sensibilidade humana, slogans motivadores que nos fan crer que comprando esa colonia máxica (que debe ser o mexo do mesmísimo Apalpador por semellante prezo) cambiaremos o mundo a mellor e un longo, longo etcétera. E o peor non é que o capitalismo gañe, senón que nós mesmas nos deixamos vencer. Colas e colas de xente en cada tenda, comprando todo o que estas empresas queren que compren, dándolles un poder que xa non necesitan, que xa hai moito que conseguiron, e todo baixo a escusa “é Nadal”.

É curioso, sempre hai unha escusa para todo e, nesta época, dicir “é Nadal” semella que cura tódolos males. Se bo, anda, come as verduras que “é Nadal”, Dálle un bico ao teu avó que “é Nadal”, Non discutamos desta inxustiza que “é Nadal” e non me quero enfadar… Que fácil é todo cando hai unha frase tan poderosa na que escondernos. Por que temos que cambiar por ser Nadal? Por que temos que ver a nosa familia por ser Nadal? Por que temos que querer os nosos amigos por ser Nadal? Por que temos que ser boas por ser Nadal? Propoño unha loucura: queirámonos, xuntémonos, desfrutemos, respectémonos e procuremos a felicidade todos os días do ano e non só en Nadal.

Pero o peor desa escusa non é que nos enganemos a nós mesmos ao utilizala, senón que destruamos o futuro da humanidade. Tremendista? Dicídello ao sufrimento do planeta. Abel Caballero pódese declarar a partir deste mes como un dos maiores asasinos do planeta en vida. De que serven tantas luces, tanto “suposto beneficio” que poida traer o turismo se destrozamos a Terra con semellante gasto enerxético innecesario? Máis alá do investimento en tal decoración en vez de no gasto social (viva a reafirmación das clases sociais), unha parte do planeta morre cada Nadal e nós non só non facemos nada, senón que nos gusta tal sufrimento, querémolo, aprobámolo como se non tivese consecuencias. Pero que máis dá, “é Nadal”.

E ao igual que as desigualdades sociais, que viva o sexismo! Para que fomentar a igualdade de xéneros publicitando os mesmos xoguetes para nenos e nenas podendo profundizar nesta nosa sociedade patriarcal? Hai xa moito tempo que as nenas non queremos bebés e cociñas nin os nenos coches e dinosauros. Que non queremos rosa e azul. Que non queremos prexuízos nin roles dende que nacemos. Que queremos ser astronautas, policías, príncipes e raíñas, que queremos laranxas, verdes, amarelos e violetas. Pero o Corte Inglés seguirá sendo un símbolo do machismo, mais non pasa nada que “é Nadal”.

Serei o Grinch na súa viva imaxe, pero teño algo moi claro: ou cambia xa a concepción desta festa ou nunca serei quen de desfrutar co Nadal. Mentres o capitalismo siga gañando, o planeta morrendo e as nenas estean fartas de bonecas, eu nunca serei quen de desfrutar co Nadal. Porque non é a mellor estación do ano (colega, que o Nadal non é unha estación), porque as luces non son bonitas (se hai xente morrendo de fame), porque a túa sobriña non está contenta con esa boneca (en realidade queríaa seu irmán, ela prefería un scalextric), porque non é guai que as tendas estean abertas en domingo para rematar de facer as compras para Noiteboa (se hai traballadoras explotadas atendendo detrás do mostrador), porque nada disto se pode xustificar cun dá igual, é Nadal.

Anuncios

2 comentarios sobre “Non pasa nada, é Nadal

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s