Verán en febreiro

rufino
A fraternidade, Rufino Tamayo

Saio de casa. Frío. Non hai chaquetas suficientes que poidan funcionar de barreira ao aire xélido das 8 da mañá. O sol morno do inverno aloumiña a miña cara, o único lugar do meu corpo sen tapar. Continúo, igual que cada día, vendo como ese tímido sol aínda comeza a iluminar as formas das cousas que observo por riba da bufanda. Penso na primavera que se achega, que xa parece asomar os seus olliños tras as primeiras follas que nacen nas árbores, ou na tímida margarida que sae despois dun longo inverno soterrada baixo a lama. Penso tamén no verán que a segue, no sol, na calor que tanto boto en falta estes días. Pero, ao entrar na facultade, nese mesmo intre de poñer o pé no edificio, de cruzar a porta pesada que tanto odiamos o estudantado de Xornalismo, todo iso que momentos antes imaxinaba, faise realidade. Pero é unha realidade moito menos idílica, moito menos agradable.

O inverno na USC vólvese motivo de loucura para o esquimó que controla os radiadores. Será o cambio de ano, será o medo ao frío, pero nunca ninguén pasara tanta calor nun espazo pechado como o alumnado da nosa facultade. As aulas transfórmanse en invernadoiros que semellan pertencer a un universo afastado do mundo invernal que se vive no exterior, un microcosmos tropical do que non se pode saír, o inferno de Dante en Compostela. Iso é a Facultade de Xornalismo en inverno. Un Sahara particular no que alumnos e alumnas nos movemos entre suores e abrigos ciscados polo chan, porque nin para percheiros temos co que gastamos en calefacción.

Malia a desagradable sensación de estar a vivir unha temperatura non correspondida a estas datas do ano, gústame chegar pronto a clase. Paréceme moi curioso ver, a medida que a xente entra na aula, como todos imos quitando, pouco a pouco, as capas de roupa que fóra agradecíamos e agora tanto rexeitamos. Unha vez remata esta etapa, que me gusta denominar como “fase cebola”, xa con todo o mundo en camisetas de tirantes e botando de menos os pantalóns curtos, evolucionamos ao “momento tomate”, ese no que as nosas facianas cambian de cor a un vermello preocupante carentes de aire fresco. Aquel atrevido que se levanta para abrir a ventá, volve ao seu sitio deprimido por conseguir só unha apertura de dous centímetros que nin para airear un pouco o ambiente dan. A xa habitual frase nos intercambios de materia de “saímos a respirar?” ou coas súas variacións de “imos tomar o aire, por favor”, conforma xa a nosa realidade.

Queixaranse despois de que o alumnado estamos sempre enfermos, de que contaxiamos catarros e de que temos a necesidade de beber auga nas clases. Pero é que estes cambios de temperatura vannos acabar matando. Non queremos Sahara, infernos dantescos, trópicos nin veráns desubicados. Cada cousa ao seu tempo. En Santiago durante o inverno fai frío e chove, que ningún encargado dos controis da calefacción se veña arriba coa motivación de Frankenstein dándolle vida á criatura e pretenda cambiar a orde da natureza. Iso si, tampouco fai falta viaxar ao Polo Norte, que xa vexo o final da historia.

Anuncios

Un comentario sobre “Verán en febreiro

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s