A masa e a pedra

goya
Mulleres na ventá, Bartolomé Esteban Murillo

Se algo bo teñen estes días de confinamento é que dan para pensar e reflexionar en relación a moitas cuestións da sociedade que antes de todo isto se podían intuír pero que agora, dada a situación, son máis que evidentes. Parece lóxico que en momentos de inseguridade e descoñecemento tendamos a unirnos á masa. Aínda que ocorra de xeito habitual en calquera situación do noso día a día, neste tempo semella razoable que sexa aínda máis probable que pase. O problema chega cando hai alguén que se nega a seguir a masa. Alguén que non quere ser unha ovella máis. Cando isto pasa, non é que se deixe de ser unha ovella, senón que, a quen lle ocorre, convértese en lobo. O lobo sempre foi por antonomasia o animal máis empregado para representar a ameaza, unha anomalía que chega para desaxustar o regular funcionamento dunha manada. Neste caso dunha sociedade. Eu, ultimamente, síntome un pouco loba.

O ser humano caracterízase por temer o descoñecido e actuar en masa para vencer ese medo. “Estamos todos nisto” dicimos para consolarnos, “xuntos venceremos” como sentenza para ir durmir tranquilos. O problema é que, ás veces, a forma de actuar ante certas situacións xera unha histeria que, ao xuntarnos na distancia máis do normal, acaba por converterse nunha histeria colectiva, nunha auténtica psicose de masa. Parece lóxico que haxa medo, preocupación e moita, moita impotencia, e que iso provoque certa tolemia que, ao compartir todos, se volve cada vez maior. Como unha pequena bóla de neve caendo por unha ladeira nevada. Pouco a pouco, vaise facendo máis grande, e, pouco a pouco, é máis difícil de parar. Eu caracterizaría a situación que vivimos agora polo coronavirus como o efecto bóla de neve. Evidentemente eu non son aquí a árbore coa que choque esa bóla e todos os problemas da sociedade se desfagan até derreterse por completo. Gústame pensar que poida formar parte dese conxunto non como unha gota máis de auga conxelada, pero quizais como unha pedra bastante molesta, destas que deixarían un chichón na cabeza se esa bóla de neve se lanzase en vez de rodar.

A cuestión, a todo isto, vén dos diferentes comportamentos hipócritas que estou vendo nesta psicose de masa xerada pola crise sanitaria do coronavirus. Como o daquel veciño que saúda sempre no ascensor cun sorriso que lle enche a cara mentres pregunta polo tempo, ese que agora lle berra pola ventá ao pobre desgraciado que decidiu ir comprar o pan na bici. Ou como o da muller que leva votando toda a vida por aqueles responsables dos recortes e da privatización de hospitais, esa que agora critica a falta dunha sanidade pública de calidade. Ou como o dos medios de comunicación que prometen ser ferramentas útiles e axuda á sociedade, eses que agora nos bombardean co monotema mediático até sobreinformarnos tanto que teñamos máis medo do que nos poidan dicir que do propio virus. Ou como a de todas aquelas persoas cuxa soberbia lles impedía dar grazas ao dependente da tenda pequena do barrio ou que axudaban ao mantemento no poder daqueles que obstaculizaron de mil formas diferentes o desenvolvemento da sanidade pública, esas que agora aplauden no balcón para agradecer o labor dos que seguen traballando. Douvos unha idea, é máis útil empregar esas mans que agora batedes a unha coa outra para meter un papeliño nunha urna e cambiar as cousas de verdade, que dar catro palmas ás 8 da noite e esquecerse até o día seguinte.

É certo que o ser humano se caracteriza por temer o descoñecido, pero tamén por non aprender dos erros. Seguiremos tropezando unha e outra vez na mesma pedra se nin cunha pandemia de tal magnitude nos decatamos de cales son os principais problemas da sociedade. Porque está moi ben o de “queda na casa” (cando a tes), o de “non saias á rúa!” (cando non sofres ansiedade ou depresión), o de “grazas sanitarios!” (cando seguimos mantendo no poder aos que intentaron destruír a sanidade pública), o de “é un problema de todos!” (pero cando só estaba infectada China era cousa de estranxeiros, tolos que comían morcegos), o de “aproveita para desfrutar da familia!” (cando non vives só ou non es unha muller maltratada encerrada co seu agresor) ou como o de mil exemplos que repetimos unha e outra vez sen entendermos de verdade o que hai detrás.

Realmente, se despois de todo isto a sociedade vai seguir sendo así de hipócrita, prefiro ser pedra ou loba antes que formar parte dese rabaño que cae ladeira abaixo.

Un comentario sobre “A masa e a pedra

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s